Presentación

Presentación

O traballo que aquí presentamos é o resultado dunha investigación feita polos alumnos de terceiro da ESO, grupos A e B do IES Ponte Caldelas .

Quixemos plantexar unha nova ollada sobre o noso entorno, neste caso os concellos de Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, e ver cal foi o seu pasado, a súa evolución a través do tempo e o que dese mundo pasado queda hoxe en día.

Pero tamén pensamos que paisaxe e hábitat non só se poden ver na inmediata realidade física, senón que deixan unha pegada na vida das xentes e viceversa, por iso, propuxemos a alumnado de terceiro de ESO unha investigación histórica por medio do estudo da documentación histórica á que puidemos ter acceso e que fora accesible para o alumnado .

A documentación elixida foi o catastro do Marqués da Ensenada de 1753, en dúas partes, por un lado as Respostas Generales ao Interrogatorio de 1749 e por outra , o Libro Real de Legos dunha serie de parroquias e lugares que nos permitirán ver como era a vida das xentes , os seus oficios, as súas casas e veigas .

Os alumnos e alumnas de terceiro iniciaron así a transcrición dos interrogatorios dos lugares onde vivían, a través das corenta preguntas do Interrogatorio General comprobaron por eles mesmos como eran as súas parroquias mediante os apeos, as descricións pormenorizadas de veigas e os seus tamaños , o que plantaban nelas e o gando que nelas pacía e, por tanto, o que comían os nosos antepasados . Mais tamén as casas, as súas medidas e os seu estado. O alumnado tomou contacto con realidades que descoñecían como medidas en ferrados , varas de Burgos ou cuncas , con demarcacións territoriais e xurisdiccións que desapareceron e deixaron paso aos concellos modernos . Así mesmo, tamén coñeceron os nomes dos veciños e veciñas que viviron, as súas coincidencias cos apelidos que hoxe levan e os oficios, traballos e industrias que conformaron unha realidade desaparecida.

Traballaron tamén cos Sistemas de Información Xeográfica , compararon as fotografías dos mesmos espazos en 1957 , o ano do Voo Americano, e de 2015, e puideron ver os cambios de paisaxe e de utilización do territorio , e como as aldeas incomunicadas e cun chan agrícola explotado intensivamente deixaba paso a aldeas baleiradas polas distintas ondas migratorias que dirixiron os habitantes das nosas bisbarras a Pontevedra, a Vigo, a Salvador de Bahía, a México e a Berna .

Comprobaron como os montes rasos eran ocupados por eucaliptos e piñeiros que abastecen industrias e como os muíños dos ríos se transformaban en centrais eléctricas, e como as estradas chegaban a todas partes.

Finalmente, pensaron no que acontecera nese cambio, e pouco a pouco, puxérono por escrito , e transformáronse en investigadores , e agora, trasladan o que eles descubriron ás súas propias aldeas e vilas.

Para finalizar, agradecer a axuda recibida do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e a todo o seu persoal; sen a súa colaboración este traballo, simplemente, non existiría . Grazas .

DEPARTAMENTO DE CC SS DO IES PONTECALDELAS